Unha muller e un home no camiño, Séchu Sende

viernes, 30 de abril de 2010
UNHA MULLER E UN HOME NO CAMIÑO

Exterior, día. Nun camiño, no campo, unha muller entra pola esquerda e un home, pola dereita. Crúzanse.

—Bon día.
—Bon día.

Pasan, dubidan, detéñense. Ela ofrece un sorriso.

—Queres un pouco de auga?
—Umm.
—Bonito día.
—Ahá. Precioso.
—Onde vas?
—Non, eu veño...
—E de onde vés?
—Veño dun país no que nunca estiven.
—Como?
—É difícil de explicar... Deixo atrás un país no que nunca vivín. Abandono un país que nunca pisei.
—Aaaah...
—...
—E non o estrañas?
—Non, porque non cheguei a coñecelo.
—Claro. E levas moito tempo camiñando?
—Uf, no sei moi ben, depende. Ás veces parece que levo séculos; outras semella que acabo de pórme a andar. E ti de onde vés?
—Eu volvo.
—Volves?
—Si, regreso á terra que nunca deixei.
—Vaia... E fáltache moito para chegar?
—Nada, xa estou.
—Claro.
—E a ti?
—A min, que?
—Canto camiño che falta?
—(Encolle os ombros).
—Claro, ti marchas dun país no que nunca estiveches.
—Claro, non o coñezo...
—Teño aquí algo de xantar, queres?
—Umm.
—E como é iso de volver ao país no que xa estás?
—É como velo todo por vez primeira. Mira aquela montaña, é como se acabase de descubrila, como se nunca a vise antes, como se regresase dunha viaxe moi moi longa e iso que eu vivo aquí desde sempre. A miña emoción é inmensa, como se estivese descubrindo algo inesperado e, con todo, estou volvendo á miña casa. Este é o meu país, nunca lle dixen adeus, nunca marchei en barco polo mar adiante. Sempre vivín aquí. E agora regreso.
—Eu, como abandono un país no que nunca estiven, non teño moitas cousas que contar.
—...
—...
—En fin...
—Ummm (Suspiro).
—Ummm, veña, adeus e moita sorte.
—Veña logo, sorte.

Danse un beixo e vanse.



Séchu Sende, Made in Galiza, Galaxia, Vigo, 2009 (2007), páginas 71-73.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

¿Qué pueden hacer los Fantastic Merlins con Kid Dakota?

Unknown dijo...

Pues eso que hacen está muy bien, hay algunas versiones que me han gustado mucho. Aunque echo en falta un determinado hotel entre ellas...

Por cierto, una nueva visita:
http://www.laregion.es/noticia/122585/ourense/xacobeo/2010/concierto/leonard/cohen/

L dijo...

Estuvo el otro día Séchu en la facultad dando una conferencia y debatiendo con Monteagudo. Muy interesante :)

Unknown dijo...

Ah, pues yo la verdad es que ni me enteré xD