Magdalena Kaczmarczyk
CONDENA
Traballamos a arxila
dos estremccementos,
e o voo ilusorio, en vibración,
e que el morra do seu,
e a discreción, na seca.
Que o desprecie o silencio
porque non paga a pena a súa substancia,
a súa sístole de cancro,
a súa teima no erro,
manchando, como moito,
unha auga breve
que lavarán os ríos
prendados das acacias.
Porque virán os ríos e as acacias.
Que perservere só
moi victoriosamente,
que vaia podrecendo
pero do seu, sen máis,
en fonda sombra.
Que morra de si mesmo o deus escuro,
que mercurial remate
e que respiren trémulas
as espigas pensadas.
Roden os abelorios inocentes,
conmovedoramente.
E que ninguén esqueza
que pode ser azul calquera engano.
Manuel Álvarez Torneiro, Os ángulos da brasa, Factoría K, Pontevedra, 2012, p. 47.
0 comentarios:
Publicar un comentario