Mostrando entradas con la etiqueta Manuel Álvarez Torneiro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Manuel Álvarez Torneiro. Mostrar todas las entradas

Non é xusto, Manuel Álvarez Torneiro

lunes, 5 de febrero de 2018
Camelia roja, Misato Tanaka 

NON É XUSTO

Non é xusto.

Caerache o cabelo e chorarás
o pranto doutros días,
como antonte,
como os días de sol, os días vivos.

Baixo a mamila esquerda
—que un día desexaron
o sátiro máis torpe e o novizo,
dende un basto desexo—
hai un barro mortal. E non é xusto.

E non é xusto por moi inescrutables
que sexan os camiños do teu deus.

E non é xusto.
Aínda que regresen as camelias
querendo dicir algo.

‍‍ ‍‍
Manuel Álvarez Torneiro, Onde nunca é mañá, Kalandraka, Vigo, 2014.
‍‍ ‍

Condena, Manuel Álvarez Torneiro

domingo, 17 de mayo de 2015
Magdalena Kaczmarczyk


CONDENA

Traballamos a arxila
dos estremccementos,
e o voo ilusorio, en vibración,
e que el morra do seu,
e a discreción, na seca.

Que o desprecie o silencio
porque non paga a pena a súa substancia,
a súa sístole de cancro,
a súa teima no erro,
manchando, como moito,
unha auga breve
que lavarán os ríos
prendados das acacias.

Porque virán os ríos e as acacias.

Que perservere só
moi victoriosamente,
que vaia podrecendo
pero do seu, sen máis,
en fonda sombra.

Que morra de si mesmo o deus escuro,
que mercurial remate
e que respiren trémulas
as espigas pensadas.

Roden os abelorios inocentes,
conmovedoramente.

E que ninguén esqueza
que pode ser azul calquera engano.


Manuel Álvarez Torneiro, Os ángulos da brasa, Factoría K, Pontevedra, 2012, p. 47.

Paredes, Manuel Álvarez Torneiro

domingo, 28 de diciembre de 2014
Pared, Kiyoshi Saitō

PAREDES

Nas paredes hai rostros,
está o perfil da súplica,
está o oco do frío,
o xerme dun insomnio.

Está un manifesto de granito,
a osamenta dos que desesperaron
(houbo un deus de impotencias,
enmudecido,
cando o tiro de graza).

Hai manchas dunha ausencia,
voces rotas e brados
dun penúltimo instante,
perdas reiterativas.

Hai nomes propagándose:
nomes radicais. E nomes
supurando veráns, albas caídas.

E o ruinoso molde do futuro.

Contrasinal de paz foron aqueles:
antónimos do lume e da gadoupa,
os do barrio de abaixo.

Unha memoria mineral recorda:
o túnel cara á morte,
o medo esborrexendo,
o estrépito da ira;
mortos arreo e con todo o posto
unha hora antes das primeiras luces.

E aínda houbo valor para outros días.



Manuel Álvarez Torneiro, Os ángulos da brasa, Factoría K, Pontevedra, 2012, pp. 78-79.